Avalían o estado de conservación de cinco petróglifos en Cuntis

Umia
19 de xuño 2018

Os bens arqueolóxicos incluídos nestes traballos son os de Outeiro de Cartas e Outeiro de Cardecide, ademais dos de Outeiro da Ran, Outeiro de Vales e Outeiro de Forno de Tella, situado na contorna do polígono industrial

Traballos nos petróglifos de Cuntis
Traballos nos petróglifos de Cuntis / Concello de Cuntis

Durante este mes de xuño leva a cabo en Cuntis un proxecto arqueolóxico que se centra na limpeza superficial, rexistro dixital e na conservación de cinco petróglifos. 

Cun investimento para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural da Deputación de Pontevedra, está a traballarse en bens arqueolóxicos de Outeiro de Cartas, Outeiro de Cardecide, Outeiro da Ran, Outeiro de Vales e Outeiro de Forno de Tella, situado na contorna do polígono industrial.

Entre os anos 2011 e 2015, os petróglifos non se someteron a traballos de mantemento que lles corresponden ao Concello. Esta situación causou o aumento de liques e brión, que están a invadir parte das rochas, provocando que algúns gravados queden ocultos. 

Na contorna están a tallarse árbores, ademais de retirar a maleza e intervense nos petróglifos cunha limpeza superficial e a realización de modelos  fotogramétricos para elaborar un modelo de gran resolución en tres dimensións, que permitirá comprobar se existen outros gravados imperceptibles a primeira ollada.

O petróglifo de Outeiro da Ran é a primeira vez que se intervén sobre el, polo que se está estudando a opción de conectalo ao carreiro que conecta o resto de achados arqueolóxicos na zona. 

No Outeiro de Forno da Tella recuperouse unha segunda roca situada a unha distancia de 20 metros e que mostra unha combinación circular. O seu estado era de total abandono.

Durante o mes de xullo levarán a cabo visitas nocturnas, momento no que se aprecian mellor. O proxecto para a mellora destes achádegos está dirixido por Darío Peña, da cooperativa Árbore Arqueolóxía.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora