A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) acordaron esta semana os criterios para a integración das unidades asistenciais de drogodependencias (UAD) de titularidade municipal no Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
No caso de Pontevedra é unha antiga demanda do Concello que insiste na "necesaria transferencia" á Xunta desta unidade asistencial situada na praza de Valentín García Escudero. Asegura o goberno local que "non ten sentido" que un centro clínico e sanitario dependa da administración municipal.
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, presidiu, no edificio administrativo da Consellería de Sanidade, unha nova reunión da comisión mixta constituída polo Goberno galego e a FEGAMP para o traspaso destes dispositivos municipais.
Na reunión, os relatorios técnicos especializados presentaron os seus informes definitivos coa análise dos medios humanos e materiais a traspasar, despois de incluír as achegas das entidades locais implicadas.
Estes relatorios, un de persoal e outro sobre inmobles, están compostos por catro membros cada un, cunha representación paritaria da Administración autonómica e a Administración Local.
Ademais, no encontro trasladáronse os criterios a aplicar para a integración das unidades asistenciais de drogodependencias no Servizo Galego de Saúde.
Tanto os informes como os criterios serán remitidos aos Concellos implicados para que sexan ratificados polos plenos municipais.
Ademais de Pontevedra, existen unidades asistenciais de drogodependencia municipais nos concellos de Vilagarcía de Arousa, O Grove, Burela, Cangas, Carballo, Monforte de Lemos, Noia, O Porriño, Ourense, Ribeira, Santiago de Compostela e Vigo.
Unha vez aprobados en pleno, a comisión mixta de integración ten prevista a súa próxima reunión o 19 de novembro para adoptar o acordo de traspaso.
O Consello da Xunta autorizou este verán a renovación da firma do convenio de colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias para realizar programas de atención e protección da saúde no ámbito das adiccións.
En virtude deste acordo, a Xunta achega 4.022.800 euros para o financiamento das actuacións e programas que realicen as unidades de drogodependencia e de día de titularidade municipal.