A Deputación de Pontevedra avanza no proxecto de 'Dixitalización e mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga, en todos os municipios de menos de 5.000 habitantes da provincia de Pontevedra', que presentou este 2023 ao PERTE de dixitalización do ciclo de auga na convocatoria do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico financiada con fondos europeos do Plan de Recuperación.
O proxecto ten un orzamento global de 10,91 millóns de euros, dos que a Deputación espera acadar unha axuda do 90%, 9,8 millóns de euros, o máximo permitido. Os 23 municipios beneficiados son: Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Catoira, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, A Lama, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Oia, Pazos de Borbén, Pontecesures, Portas e Rodeiro. Todos eles contan con redes de abastecementos e saneamento xeralmente extensas, cunha cantidade elevada de sistemas de captación, regulación, potabilización e depuración.
O proxecto xorde ante a necesidade de contar con información sobre o emprego real da auga, así como da calidade e estado dos recursos hídricos dispoñibles, dos parámetros de vertido nos procesos de depuración, das posibles perdas ou fugas que se poidan producir no sistema, etc.
Os traballos estarán divididos en catro etapas: diagnose das instalacións, estudo topográfico da rede existente en cada concello, instalación de sensores e posta en marcha dunha plataforma dixital nas que se recompilarán, tratarán e analizarán os datos proporcionados polos diferentes sensores, que deberán estar finalizados antes do 30 de setembro de 2025, mentres que a Administración provincial ofrecerá aos concellos mantemento ata setembro de 2030.
Por concellos, o orzamento é de 286.274 euros para Agolada, 393.711 para Arbo, 666.819 para Barro, 357.404 para Campo Lameiro, 264.914 para Catoira, 292.095 para Covelo, 510.764 para Crecente, 536.687 para Cuntis, 362.092 para Dozón, 468.766 para Forcarei, 368.754 para Fornelos de Montes, 222.822 para A Illa de Arousa, 276.822 para A Lama, 385.833 para Meis, 810.025 para Mondariz, 764.806€ para Mondariz-Balneario, 469.987 para Moraña, 663.746 para As Neves, 668.685 para Oia, 425.997 para Pazos de Borbén, 398.869 para Pontecesures, 493.139 para Portas e 819.522 para Rodeiro.
Durante a fase de diagnose visitarán todas as instalacións relacionadas co ciclo da auga existentes no municipio, captacións, depósitos, tratamentos de potabilización, estacións de tratamento de augas residuais e bombeos. Tamén realizarán ademais todas as medicións e probas de funcionamento precisas para poder coñecer a situación de partida e determinar as características das actuacións a realizar. Na seguinte etapa realizarán o estudo topográfico de toda a rede en cada un dos concellos, tanto de abastecemento como de saneamento, incluíndo o levantado de tapas, medición de profundidades, etc.
Unha vez finalizadas estas tarefas, procederán á colocación dos sensores que permitirán coñecer o estado do ciclo da auga en todas as súas fases, como caudalímetros, sondas, sensores de calidade da auga, entre outros. Por último, dotarán ao sistema dunha plataforma dixital na que se recompilarán, tratarán e analizarán os datos proporcionados polos diferentes sensores colocados.
Para iso, farán o modelo do sistema, establecendo predicións e alertas, mediante o emprego de intelixencia artificial. A plataforma proporcionará o acceso remoto en tempo real ao estado de todo o ciclo da auga de cada concellos. Ademais, elaborarán un 'Xemelgo dixital', é dicir, un modelo virtual, de todo o sistema para cada un deles.