Avanza o proxecto para pavimentar a pista de acceso a Outeiro en Caldas de Reis

Umia
27 de abril 2021

O Concello de Caldas de Reis levará a cabo un proxecto para a mellora da pista que dá acceso ao lugar de Outeiro desde a estrada EP-8003 na parroquia de Bemil, grazas a unha subvención de 41.690 euros por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Estado da pista que dá acceso ao lugar de Outeiro na parroquia de Bemil (Caldas de Reis)
Estado da pista que dá acceso ao lugar de Outeiro na parroquia de Bemil (Caldas de Reis) / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis levará a cabo un proxecto para a mellora da pista que dá acceso ao lugar de Outeiro desde a estrada EP-8003 na parroquia de Bemil.

Así o confirmaba o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Manuel González, tras recibir nas últimas horas a resolución favorable da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) sobre a subvención solicitada a este organismo ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal. En concreto, a subvención recibida para esta actuación ascende a 41.690 euros correspondentes ás anualidades 2021 e 2022.

A pavimentación deste acceso súmase á executada na parroquia de San Clemente, neste caso para mellorar a pista que comunica os núcleos de Faramentáns e Fieitoso, que se levou a cabo mediante un investimento de 42.662 euros procedentes do Plan Marco da Xunta de Galicia.

O camiño sobre o que se pretende actuar neste novo proxecto de mellora de infraestruturas rurais presenta un pavimento deteriorado polo uso e o paso do tempo. Ten unha lonxitude de 855 metros e posúe un ancho variable. Debido ás súas condicións actuais é necesaria a reposición do seu firme e a limpeza das cunetas por motivos de seguridade e comodidade para vehículos e peóns. Prevese tamén a instalación dun sinal de STOP no cruzamento coa EP-8003 para regular o tráfico no acceso á estrada provincial desde o camiño obxecto desta actuación.

Manuel González destaca que esta obra servirá para mellorar moito as comunicacións entre os núcleos rurais de Outeiro e Paradela, ambos na parroquia de Bemil. O edil de Obras e Infraestruturas salienta que o Concello mantén un seguimento regrado do estado dos viais municipais co obxecto de poder planificar as actuacións e ilas executando en función da dispoñibilidade orzamentaria. "O proxecto suporá un avance moi significativo no estado de conservación e mantemento do conxunto de accesos da parroquia de Bemil", explica González.

Pola súa banda, o alcalde, Juan Manuel Rey, quen é tamén delegado da parroquia de Bemil, lembra o compromiso do Concello e "os esforzos continuos do goberno local para mellorar infraestruturas e servizos do rural" e engade que con este novo proxecto de pavimentación se "dará resposta a unha demanda importante da veciñanza da parroquia".