Avanzan a bo ritmo as obras de humanización do Camiño Vello de Seixo

Marín
19 de marzo 2021

Parte dos servizos relacionados co abastecemento e saneamento xa están renovados e colocados, así como os trazados das novas beirarrúas. O proxecto abrangue o tramo comprendido entre a rúa Doutor Otero Ulloa (estrada PO-551) e o cruce coa Estrada Grupo Escolar de Seixo

Obras de reforma do Camiño Vello de Seixo
Obras de reforma do Camiño Vello de Seixo /

A humanización que se está a realizar no Camiño Vello de Seixo avanzan a moi bo ritmo, segundo comprobaron a alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Rural, Pablo Novas, na visita que realizaron a estes traballos.

Parte dos servizos relacionados co abastecemento e saneamento xa están renovados e colocados, así como os trazados das novas beirarrúas. 

O proxecto abrangue o tramo comprendido entre a rúa Doutor Otero Ulloa (estrada PO-551) e o cruce coa Estrada Grupo Escolar de Seixo, coa finalidade de entroncar coa actuación que xa se realizou anteriormente ata a estrada provincial EP-1202.

Coa actuación, anchearanse as beirarrúas ata uns 2,50 metros, dependendo nalgúns puntos das fachadas de edificios anexos, e no que respecta á calzada quedará o sentido único desde a Rúa Doutor Otero Ulloa ata o Mercado, con carril de 3,5 metros de amplitude.

O estacionamento deixarase á beira de toda a marxe dereita do viario, a través dun espazo de máis de dous metros. 

O proxecto está a subvencionarse a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, por un importe total de 374.361,63 euros.

Tanto Ramallo como Novas mostraron a súa satisfacción ante a boa execución dos traballos, "que suporán unha mellora para a calidade de vida dos veciños de Seixo e unha reforma moi importante para o centro urbano da parroquia", destacaron.