Avanzan a bo ritmo as obras de mellora da estrada de Almofrei

Cerdedo Cotobade
26 de agosto 2024

Nestes días as máquinas pesadas estanse encargando de levantar os muros de contención que en zonas presentan unha altura elevada e que sosteñen ás parcelas obxecto de ocupación para mellorar o ancho desta entrada de acceso

Obras de mellora integral da estrada de Almofrei (EP-0405)
Obras de mellora integral da estrada de Almofrei (EP-0405) / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade asegura que as obras de mellora integral da estrada de Almofrei (EP-0405) "avanzan a bo ritmo".

Este vial facilitará o acceso rodado e a seguridade vial na zona. 

Nestes días as máquinas pesadas estanse encargando de levantar os muros de contención que en zonas presentan unha altura elevada e que sosteñen ás parcelas obxecto de ocupación para mellorar o ancho desta entrada de acceso. 

Tamén se están levando a cabo labores de drenaxe e canalización de augas pluviais así como o achegamento de novos servizos eléctricos e de humanización do entorno.

Dende a Deputación informouse que a mellora da estrada provincial entre a Xesteira e Almofrei  ten por obxecto a creación de vías seguras para o tránsito peonil, concretamente unha nova senda peonil na marxe esquerda da vía, de 2,5 metros de ancho, e zonas de convivencia onde terán prioridade os peóns naqueles tramos onde non se pode executar a senda.

A senda peonil terá unha lonxitude dun quilómetro, e nese trazado ademais limitarase a velocidade a 30 km/h e incorporaranse tres redutores de velocidade. Nas zonas de convivencia, de preto de 300 metros de lonxitude, a velocidade máxima será de 20 km/h.

Ademais, desde a conexión coa estrada autonómica PO-233, o proxecto de transformación tamén inclúe a mellora do trazado, coa aplicación dunha nova capa de rodaxe e o emprego de novos paquetes de firme para ampliar a plataforma nas zonas de convivencia. Como actuacións complementarias, a Deputación de Pontevedra tamén acometerá a mellora da drenaxe e a canalización para soterrar a rede de alumeado nas zonas de convivencia. Con isto conseguirase diminuír o consumo de enerxía, cun aforro enerxético estimado do 14% (pasando dos 42.969 kWh anuais a 37.030 kWh).

A Deputación conseguiu unha achega do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) dentro do programa DUS-5000 por importe de preto de 700.000 euros, polo que máis do 70% da actuación será financiada con recursos de Europa. O importe restante asúmeo a institución provincial, que achega preto de 200.000 euros, e o Concello de Cerdedo-Cotobade, que destina preto de 80.000 euros.