Avanzan as obras de construción da senda peonil entre Alba e San Caetano

Pontevedra
21 de setembro 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou este luns unhas obras valoradas en 700.000 euros que consisten na implantación dun itinerario peonil de 700 metros que mellorará a imaxe e seguridade viaria da parroquia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Väzquez, visita as obras da senda peonil entre Alba e San Caetano
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Väzquez, visita as obras da senda peonil entre Alba e San Caetano / Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou este luns as obras de construción da senda peonil que se están realizando entre as localidades de Alba e San Caetano, no termo municipal de Pontevedra, e que servirán para reforzar a seguridade dos veciños e peregrinos.

Cun investimento que rolda os 700.000 euros, a conselleira destacou que esta intercención contribúe á mellora da contorna da parroquia de Alba e que tamén servirá para conseguir unha mobilidade máis respectuosa co medio ambiente. 

O novo itinerario, de 700 metros pola marxe esquerda da PO-225 na maior parte do percorrido, quedará separado da estrada por unha franxa axardinada naquelas zonas nas que sexa posible, mentres que na zona do río construirase unha pasarela metálica superior aos 13 metros. Así mesmo, o proxecto inclúe a modificación dunha curva e a reordenación dun cruzamento existente neste trazado.

As obras comezaron a finais do mes de xullo e desde a consellería aseguran que se están desenvolvendo a bo ritmo e están xa ao 20 % de ejeccción, aínda que aínda faltan os traballos máis laboriosos que son as pavimentacións, a pasarela, a iluminación, a sinalización e a xardinería.