O Concello de Pontevedra espera que, no prazo máximo dun mes e medio, finalicen as obras de saneamento e eliminación de pluviais na rúa do Gorgullón. Trátase dunha serie de traballos cos que se pretende poñer fin ás incómodas inundacións que se producen na zona cando chove con forza.
Segundo explicou o concelleiro responsable do Ciclo da Auga, Raimundo González, xa están rematadas as obras na rúa do Muíño, onde se colocaron novas canalizacións de 800 milímetros de diámetro e rede de sumidoiros de 500 milímetros. Só faltaría parte do Gorgullón, onde se renovarán as canalizacións de pluviais, a rede de sumidoiros e a rede de abastecemento de auga.
Estas obras, que executa Viaqua con cargo aos investimentos pendentes, teñen un custo de 318.282 euros.
Máis preto de rematar están os traballos no ámbito da Praza de Galicia, onde tamén se renovaron estes servizos. Só queda fresar os cruzamentos con Augusto García Sánchez e Andrés Mellado, polo que estarán finalizados nun prazo de dez días. En total, investíronse nestas obras un total de 372.000 euros.
Ademais, en breve afrontarase a mellora da rede de abastecemento de auga na rúa Alemaña, entre Armórica e Bélxica. Investiranse 85.286 euros nesta actuación.