Avanzan as obras para crear un parque forestal no monte dos Casás

Barro
17 de decembro 2020

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o presidente dos comuneiros de Agudelo, Fernando Chao, acompañados doutros membros do Goberno municipal e da Comunidade de montes comprobaron o avanzado estado das obras para crear un parque forestal no monte dos Casás

Visita ás obras para crear un parque forestal no monte dos  Casás
Visita ás obras para crear un parque forestal no monte dos Casás / Concello de Barro

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o presidente dos comuneiros de Agudelo, Fernando Chao, acompañados doutros membros do Goberno municipal e da Comunidade de montes comprobaron o avanzado estado das obras para crear un parque forestal no monte dos Casás.

Este é un proxecto do Concello de Barro e a Comunidade de montes de Agudelo, no que están colaborando para poñer en valor este entorno tan importante do concello a nivel paisaxístico, ambiental, patrimonial e cultural.

Esta intervención ten un orzamento de 40.982 euros e para o seu financiamento o concello conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra por importe de 28.687 euros, con cargo á convocatoria de subvencións a concellos para a creación de parques forestais, e pola comunidade de montes que aporta 12.295 euros. As obras están sendo executadas pola empresa Garugal, posto que foi a que presentou a mellor oferta.

A actuación ten como obxectivo preservar, mellorar e destacar os valores naturais e culturais deste enclave, que ademais de ser un excelente miradoiro e onde se encontran os máis importantes xacementos arqueolóxicos de Barro, búscase mellorar as formacións arbóreas xa existentes e a plantación doutras novas, para substituír eucaliptos e outras especies invasoras por carballeiras e soutos.

O Concello conta con outro proxecto complementario para comezar a pór en valor no vindeiro ano os importantes restos arqueolóxicos existentes neste enclave.