Avanzan na mellora da iluminación na estrada entre Borela e Almofrei

Cerdedo Cotobade
16 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, recorrerá á Deputación de Pontevedra para levar a cabo o proxecto de mellora da seguridade nocturna neste treito da estrada PO-233

Estrada PO-233 ao seu paso polo concello de Cerdedo-Cotobade
Estrada PO-233 ao seu paso polo concello de Cerdedo-Cotobade

O treito da estrada estrada PO-233 que discorre entre Borela e Almofrei é obxecto de atención por parte do Concello de Cerdedo-Cotobade.

Co fin de mellorar a visibilidade nesta zona, o alcalde Jorge Cubela recorrerá á Deputación de Pontevedra para levar a cabo o proxecto.

A actuación consistiría na colocación de cinco novos báculos troncocónicos de aceiro galvanizado e a substitución de 23 luminarias.

A licitación destes traballos sería por un importe de 25.434 euros, cun prazo máximo de execución de 45 días.

Segundo manifestou o rexedor, a intención do Concello é acceder á liña de axudas do Plan +Provincia para mellorar a seguridade nocturna nunha estrada especialmente utilizada pola veciñanza, xa que vertebra a unión entre a capital municipal e Pontevedra a través da estrada PO-233.

Ademais, aproveitarase esta intervención para substituír 23 luminarias noutros tantos farois existentes por outras lámpadas de nova tecnoloxía LED, que permite ofrecer unha mellor calidade lumínica ao tempo que reduce substancialmente o consumo enerxético.