Avanzan as obras de recuperación ambiental da antiga dársena portuaria de Marín

Marín
25 de xaneiro 2025
Actualizado: 14:49

A coñecida como Cemiterio de Chalanas atópase en obras de mellora desde finais de 2024 á espera da instalación dunha capa xeotextil que actúe como filtro ante o lodo

Obras na dársena portuaria de Marín, coñecida popularmente como Cemiterio de Chalanas
Obras na dársena portuaria de Marín, coñecida popularmente como Cemiterio de Chalanas / Concello de Marín

A histórica dársena portuaria de Marín, coñecida popularmente como Cemiterio de Chalanas, está a ser obxecto dunha intervención medioambiental que permitirá a súa futura utilización para actividades náutico-deportivas.

Os traballos, que se executan desde mediados de decembro, forman parte dun proxecto que conectará a Praza de España co Paseo Alcalde Blanco.

A empresa adxudicataria, Marcor Xove, está a executar a primeira fase da actuación, centrada na recuperación medioambiental da zona acuática, cunha inversión de 270.733 euros financiados a través do Plan de Sostibilidade Turística.

Os traballos inclúen a limpeza dos fondos mariños, a retirada de residuos e a renovación completa do sistema de pluviais existente, segundo indica o Concello de Marín.

As obras avanzan segundo o previsto, téndose completado xa a limpeza de todos os paramentos verticais do peirao.

O seguinte paso será a instalación dunha capa xeotextil con dobre función: actuar como filtro para evitar a mestura do fango do fondo coa nova capa de area, e proporcionar soporte estrutural.

Ademais, instalarase unha plataforma flotante de aluminio de 12x6 metros para dar servizo a embarcacións deportivas.

O proxecto complementarase cunha segunda fase de mellora da contorna coa urbanización da zona de conexión coa Praza de España e a Avenida de Ourense.

Dársena de Marín, o Cemiterio de chalanas
Dársena de Marín, o Cemiterio de chalanasConcello de Marín