A xefa provincial de Costas en Pontevedra, Cristina de Paz-Curbera, informou do avance dos trámites para a desafectación do recinto deportivo de Ponte Sampaio, da praza de A Xunqueira, do edificio do mercado e dos terreos aledaños.
Así llo confirmou este luns ao portavoz popular, Jacobo Moreira, e ao presidente da asociación de veciños Heroes de Ponte Sampaio, Ramón Agulla, durante a reunión que solicitaron interesándose polo estado no que se atopa dita solicitude.
A Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar é favorable á declaración de inecesariedade destes terreos, pero previamente deberá someterse a exposición pública durante un período dun mes.
Unha vez sometida a exposición pública, e cumprimentado o resto do procedemento administrativo, poderase proceder á declaración innecesariedade dos terreos e consecuentemente a desafectación do dominio público marítimo-terrestre, o que deixará xa os terreos en mans municipais para proceder a levar a cabo as actuacións que demandan os veciños.
Os populares continúan pendentes desta tramitación que xa solicitaron ao goberno de local de Pontevedra que cursase no ano 2013 a través dunha moción que foi rexeitada tanto polo BNG como polo PSOE, socio de goberno naquela época.