Avanzan os trámites para licitar as obras de rexeneración da praia de Carabuxeira

Sanxenxo
22 de maio 2015

A tramitación das obras de rexeneración da praia de Carabuxeira vai queimando etapas. Nauta Sanxenxo abriu o expediente para sacar a concurso estes traballos e deu luz verde á operación de crédito destinada a financiar os traballos, que precisarán un investimento superior ao millón de euros

Praia da Carabuxeira
Praia da Carabuxeira

A tramitación das obras de rexeneración da praia de Carabuxeira vai queimando etapas. Nauta Sanxenxo abriu o expediente para sacar a concurso estes traballos e deu luz verde á operación de crédito destinada a financiar os traballos, que precisarán un investimento superior ao millón de euros.

A oferta presentada por Abanca ao concurso convocado por Nauta Sanxenxo cumpre as condicións e termos establecidos polo pleno da Corporación. De feito, a entidade bancaria ofertou un tipo de xuro do 0,86%, unha cifra substancialmente inferior á ofertada inicialmente polas financeiras, que ascendía ao 3%.

Paralelamente, o Goberno sanxenxino ultima a modificación puntual do PXOM para cualificar como equipamento un terreo lindante ao areal, que presenta actualmente unhas condicións de abandono e conta cun muro en pésimas condicións, para proceder á súa expropiación e convertela no acceso principal á praia unha vez sexa recuperada.

Os plans do Executivo pasan, pois, porque esta baixada dispoña de escaleiras, así como dunha rampla que asegure a accesibilidade ao areal a persoas con mobilidade reducida e ás brigadas municipais.

OBRAS NA PRAIA

A actuación proxectada polo Goberno local levará consigo a construción dun dique principal para conter a banda este da praia e facilitar o avance cara ao oeste aproveitando a configuración dos baixos rochosos. A estrutura a levantar será un espigón rampla de case 100 metros de lonxitude composto por bloques prefabricados de formigón e que se irá adaptando á topografía ao descender de cota ata entroncar cos baixos rochosos.

En todo momento se garantirá que o novo recheo de area que se verterá en Carabuxeira quede a cota inferior á deste elemento xa que conforme a praia descende progresivamente de cota tamén o fará o espigón, que quedará mergullado durante a preamar. A súa superficie recubrirase con cachotaría de pedra co fin de embelecela e de que funcione como zona de fixación de novas comunidades biolóxicas.

Para dotar de maior contención á franxa á praia deseñouse un novo dique duns 62 metros de lonxitude, que nacerá na esquina oeste de Carabuxeira e terá unha aliñación paralela ao primeiro tramo do dique principal. O espigón estará conformado por un núcleo de formigón e recuberto por pranchas de cachotaría de granito de corte bruto.

Esta intervención, complementarase coa realimentación duns 24.500 metros cúbicos de area para garantir un ancho medio de 30 metros de praia e co acondicionamento da zona a través da demolición de antigas cimentacións.