O protocolo preventivo COVID activo na Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés pola Consellería de Sanidade mantén en corentena a 75 traballadores da empresa Avigal dende o comezo do gromo e unha veintena de contactos destes traballadores, que evolucionan nos seus domicilios.
Segundo informa o Sergas, este protocolo xestiona a situación reforzando cribados preventivos na procura activa de detección de casos e mantendo o seguimento e control deste gromo.
En coordinación coa Administración Sanitaria Pública galega, a empresa Avícola de Galicia en Cambados pechará as súas instalacións 48 horas para intensificar a súa limpeza e desinfección, tanto en fábrica coma en zonas comúns, tras a detección de numerosos casos nos cribados realizados. Pechará o sábado 27 e o domingo 28 de setembro.
Esta nova medida adoptada pola empresa reforzará as implementadas dende o comezo do gromo para atallar as cadeas de contaxio, entre as que se atopan a redución da produción, o suministro de material de proteción aos traballadores e as limpezas e desinfeccións con produtos virucidas.
Dende Avícola de Galicia complementaron esta información engadindo que ao longo desta semana, a dirección da empresa "rebaixou de forma drástica a produción da planta de Cambados", que actualmente opera por baixo do 40%, "co obxectivo de intensificar o distanciamento social entre o persoal e reducir ao máximo o número de profesionais nas instalacións".
RESPOSTA Á CIG
A Administración Sanitaria Pública galega saen ao paso das denuncias do sindicato CIG que acusa á Xunta de "neglixencia" na xestión deste gromo de covid-19 xa que a central nacionalista dixo ter "indicios de que tanto a empresa como a Administración coñecían hai tempo a existencia de positivos, malia o que se continuou a traballar".
Dende a federación de Alimentación da CIG sosteñen que "o contaxio masivo en Avigal é consecuencia da permisividade e a falta de control coa que a Xunta favorece ás grandes empresas". Neste senso, pregúntase este sindicato se o Goberno galego "pretende facer en certas compañías o mesmo que fixo nas residencias de maiores, nas que censurou información sobre os contaxios".
Segundo a CIG, "tanto a empresa como a Xunta coñecían hai xa máis de 15 días a existencia de positivos por covid en Avigal, mais a actividade continuou".
A Administración Sanitaria Pública galega avala o actual protocolo preventivo en función das necesidades e rexeita as denuncias sindicais sobre neglixencia, "dado que a detección e rastrexo de casos COVID integra un permanente e eficaz traballo de equipo que aportan diversos profesionais do sistema".
Segundo o Sergas, "cando se produce un gromo en calquera lugar, todos datos COVID remítense ao sistema VIXIA de vixilancia epidemiolóxica, que xa está integrado no sistema de historia clínica, e que permite aos profesionais sanitarios que traballan no sistema de rastrexo coñecer a situación dos casos e a evolución das persoas do seu entorno".
Indica o Servizo Galego de Saúde que éste é un traballo de equipo da central de seguimento -que realiza as enquisas e o seguimento diario telefónico durante a corentena- dos técnicos de vixilancia epidemiolóxica, que fan seguimento de gromos coma o da empresa Avigal. Así mesmo, participa o persoal de Atención Primaria, que elabora a valoración clínica dos contactos que manifesten síntomas e fai o seguemento das persoas en domicilio.
O protocolo preventivo COVID conta tamén co persoal do servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, que fai seguimento e control de positivos cando estes requiren hospitalización.
A Consellería de Sanidade lembra que "o protocolo preventivo COVID actívase cando clínica e epidemiolóxicamente así se require en calquera centro asistencial, empresarial ou educativo da comarca, respostando ás incidencias e en permanente coordinación cos servizos sanitarios e cos profesionais asistenciais".
Finalmente, engade que "coa operatividade destes protocolos, a porcentaxe de casos de coronavirus detectados en Galicia de persoas que non presentaban síntomas está a ser de arredor dun 66%, fronte á media nacional dun 53%. Este dato sitúa a Galicia como unha das tres comunidades autónomas españolas que detectan máis casos de COVID en persoas asintomáticas".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.