Un aviso cidadán permite frear unha agresión machista na rúa

Pontevedra
26 de xullo 2026

O presunto agresor foi arrestado no mesmo lugar dos feitos e posto posteriormente a disposición da autoridade xudicial

Policía Local de Pontevedra
Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra detivo o pasado 21 de xullo un home como presunto autor dun delito de violencia de xénero tras, supostamente, agredir á súa parella durante unha discusión ocorrida na praza Veiga da Eira.

Segundo informou o Concello, a intervención produciuse despois de que unha chamada alertase de que unha muller estaba a ser agredida na vía pública.

Ao chegar ao lugar, os axentes entrevistáronse coa vítima, que relatou que o home se abalanzara sobre ela, inmovilizándoa e suxeitándolle a cabeza mentres lle presionaba a cara.

Os policías comprobaron que presentaba marcas compatibles co relato ofrecido.

A muller explicou tamén que non era a primeira vez que sufría unha agresión deste tipo por parte da súa parella.

Mesmo mostrou no seu teléfono móbil imaxes e outras probas relacionadas con episodios anteriores.

Tras a intervención, unha patrulla acompañou á vítima a un centro sanitario para ser atendida das lesións.

Posteriormente, manifestou a súa intención de formalizar a correspondente denuncia en dependencias policiais.

O presunto agresor foi arrestado no mesmo lugar dos feitos e posto posteriormente a disposición da autoridade xudicial.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora