Que o estado de alarma e a emerxencia sanitaria derivados do avance do coronavirus afectan ao normal funcionamento dos servizos sanitarios non é ningunha novidade, pero si hai determinados aspectos que se están a ver afectados e convén que as familias os teñan en conta pola súa propia seguridade e para garantir o correcto funcionamento dos centros de saúde. Unha das vertentes de saúde pública que se está a ver afectada é o calendario de vacinación.
Así, o director xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia, Andrés Paz-Ares Rodríguez, acordou unha priorización de vacinación en Galicia que implica manter a vacinación infantil especialmente nos 15 primeiros meses e sempre garantir as vacinas que corresponde administrar aos 2 meses (hexavalente + pneumocócica conxugada) e 4 meses (hexavalente + pneumocócica conxugada + meningocócica C), pero restrinxir de forma temporal o resto.
Entre as prioridades de vacinación tamén figura mantela en embarazadas e tamén seguir, na medida do posible, a vacinación en grupos de moi alto risco, plantexando cando sexa posible a vacinación no seu domicilio.
Entre as recomendacións para os profesionais da saúde, desde a Consellería de Sanidade recomendan reservar as doses de HB infantil para nenos de alto risco (fillos de nai portadora ou daquelas ás que non se puido realizar a seroloxía).
Ademais, convén ter en conta que durante este período de alarma, os Centros de Vacinación Internacional ven restrinxida a súa actividade e só atenderán consultas relacionadas con viaxes de tipo humanitario, de carácter profesional inaprazables ou aqueles que sexan por causa de forza maior.
Estas medidas foi necesario tomalas polas limitacións na mobilidade e recomendacións de que as persoas sas non deben acudir aos centros sanitarios e tamén porque se está a ver alterada a actividade normal dos centros sanitarios, que son os puntos de vacinación habituais e cuxo funcionamento pode estar afectado ben por sobrecarga asistencial ou por ter sufrido redución de profesionais dispoñibles.
Sanidade lembra que as vacinacións son unha medida de saúde pública de primeiro orde e en canto as autoridades sanitarias aconsellen recuperar a situación normal, as vacinacións reanudaranse, retomando o calendario que quedou interrompido e facendo os axustes necesarios para adaptalo á normalidade no menor tempo posible.