Avogadas pontevedresas piden ao vicepresidente da Xunta que atenda os problemas da quenda de oficio

Pontevedra
31 de marzo 2026

Catro representantes da plataforma Dignidade Avogacía solicitaron ao conselleiro de Xustiza, Diego Calvo, na súa visita á Deputación, unha reunión que levan máis de dous anos esperando

Avogadas da quenda de oficio na entrada da Deputación de Pontevedra tras falar co conselleiro Diego Calvo
Avogadas da quenda de oficio na entrada da Deputación de Pontevedra tras falar co conselleiro Diego Calvo / PontevedraViva

Catro avogadas da plataforma Dignidade Avogacía Pontevedra abordaron este luns ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, durante a súa estancia na Deputación de Pontevedra con motivo da sinatura dun convenio de transporte.

O obxectivo deste "asalto" nos corredores do Pazo Provincial foi solicitar unha entrevista formal para expor a situación da asistencia xurídica gratuíta e reclamar a actualización do convenio da quenda de oficio, que se atopa caducado.

As profesionais explicaron que levan dous anos e medio tentando establecer un diálogo directo con Diego Calvo, despois de fracasar a xuntanza mantida co director xeral de Xustiza, José Tronchoni.

"Levamos dous anos tentándoo, pedindo reunións e parece que hai que perseguir os polígicos para que senten a falar co colectivo", apuntaron.

Segundo indicaron as portavoces do colectivo, os pagos actuais son insuficientes e non cobren tarefas como as gardas de 24 horas ou as execucións de sentenza.

Esta situación provoca que os colexios profesionais deban utilizar as cotas dos seus membros para sufragar os custos de xestión dun servizo que é de titularidade pública, segundo denuncian.

Durante o intercambio de palabras na sede provincial, o conselleiro de Xustiza respondeu que se porían en contacto con elas para concertar unha cita.

Ante este compromiso, as avogadas sinalaron que esperarán a chamada, pero advertiron que manterán a súa presenza nos actos oficiais do vicepresidente do Goberno galego se non se produce o encontro solicitado para abordar as súas demandas.

Este colectivo iniciou mobilizacións no ano 2024, cando iniciaron unha campaña para dar visibilidade á precariedade da quenda de oficio e á situación das pensións da Mutualidade.

Entre as súas peticións principais figuran o pago de todas as actuacións realizadas e unha remuneración acorde ao traballo prestado na defensa da cidadanía.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora