Un grupo de máis de medio centenar de axentes da Policía Local de Pontevedra acudiu ao pleno deste luns 29 de agosto permanecendo durante máis de media hora nas butacas do Teatro Principal en silencio ata que abandonaron a sala cun aplauso. Trátase dunha nova protesta por parte destes axentes que reclaman melloras económico laborais.
José Manuel Duarte e Antonio Millares como representantes sindicais sinalaron que os integrantes do Corpo de Policía Local levan anos co soldo conxelado e mesmo reducido. Apuntan que en 2007 cambiaron de grupo de funcionarios a través da lei autonómica pero sinalan que en Pontevedra o cambio só afectou o soldo mínimo e non ao resto de suplementos. Afirman que necesitan equipararse a outros traballadores do Concello.
Milleiros insistiu en que o concelleiro encargado de persoal, Vicente García Legísima, manifestou nunha reunión mantida en xuño que non estaban dispostos a negociar baixo presión nin unicamente co grupo da Policía Local.
Este mesmo luns, a xunta de goberno aprobou unha asistencia técnica a unha empresa externa por 29.000 euros para acometer a revisión da relación de postos de traballo. Unha opción que os sindicatos entenden que non servirá para resolver o seu conflito. Sinalan que ese estudo alongarase no tempo e que non leva unha solución para os 111 axentes policiais de Pontevedra. Haberá unha asemblea de traballadores esta semana para decidir que actos de protesta levan a cabo nas vindeiras semanas.
PETICIÓNS
Ademais das melloras económicas, os representantes sindicais en nome da asemblea de traballadores queren tamén tratar as deficiencias que sofren no Pazo da Cultura onde se atopa a Xefatura. Indican que levan 16 anos nese espazo e que presenta problemas de espazo e de problemas térmicos.
Ao mesmo tempo reclaman do goberno local un incremento do tempo para os aparcadoiros de carga e descarga, que supere os 15 minutos actuais; tamén solicitan unha solución ante as continuas retiradas de animais domésticos aos que teñen que facer fronte ao carecer o Concello dun servizo de recollida de mascotas e ademais piden un sistema que evite os problemas actuais coa sinalización provisional cando se empregan valados, que son movidas por condutores.
Cren que é necesario que o goberno local debería ter máis en conta as súas opinións porque "coñecemos como funciona a cidade", apuntou Antonio Millares.