O Acto de Imposición de Encomendas e Medallas aos membros da Policía Local de Vilagarcía, celebrado este sábado 28 coa presenza do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, viuse deslucido ante a ausencia de parte do equipo e dalgúns dos homenaxeados que utilizaron esta fórmula para mostrar o seu desacordo coa falta de recursos e de persoal cos que conta este corpo.
Segundo informa o Diario de Arousa, ao acto asistiron nove dos 18 axentes homenaxeados. Os grupos da oposición tampouco asistiron a este acto no que se pretendía poñer en valor o labor destes profesionais.
O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, mostrou o seu desacordo con este método de protesta e anunciou que cando se afronte a nova Relación de Postos de Traballo se reorganizará o equipo da Policía Local.
Pola súa banda, Alfonso Rueda indicou que a Xunta realizou un importante esforzo económico nos presupostos de 2015, aumentando en 14 millóns de euros a partida destinada a sufragar a seguridade e as emerxencias.