Axentes forestais defenden a actuación do seu compañeiro no incendio de Tenorio

Cerdedo Cotobade
19 de xullo 2017

Esta asociación considera que as declaracións de Jorge Cubela a este respecto son "absolutamente desafortunadas e improcedentes", por fundamentarse nunha falta de coñecemento sobre o labor que ten encomendado o colectivo profesional dos axentes forestais e medioambientais.

Incendio nunha nave industrial en Calvelo
Incendio nunha nave industrial en Calvelo / Diego Torrado

A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA) saíu ao paso das críticas que recibiu o compañeiro que, o pasado sábado, acudiu ao incendio de Tenorio e non interveu ao non ser un lume forestal.

Este colectivo asegura que a actuación desta persoa foi "correcta e exemplar", posto que a súa principal misión é velar pola seguridade do persoal de extinción ao seu cargo.

Os axentes teñen encomendadas, recordan desde a asociación, as tarefas de dirección de extinción en incendios forestais, traballo para o que están "perfectamente cualificados e preparados", como demostran ano tras ano "dirixindo a loita contra practicamente todos os lumes forestais que se producen en Galicia". 

Moi ao seu pesar, engaden, os axentes forestais non dispoñen nin da formación nin dos medios axeitados para a extinción de lumes en naves industriais.

Aínda que levan moitos anos solicitando que este corpo profesional sexa incluído nos servizos de emerxencia do 112 co propósito de contribuír a evitar desgraciados sucesos como o da pasada fin de semana, "ata agora a reivindicación nunca foi atendida".

Por iso, desde APRAFOGA esixen a inmediata rectificación das declaracións efectuadas polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que cualificou a actuación deste axente como "mezquina e de omisión do deber de socorro".

Esta asociación considera que estas declaracións son "absolutamente desafortunadas e improcedentes", por fundamentarse nunha falta de coñecemento sobre o labor que ten encomendado o colectivo profesional dos axentes forestais e medioambientais.