Axilízanse os trámites para acometer as obras de mellora da rede de saneamento na contorna do río Lameira

Marín
18 de marzo 2021

O Consello da Xunta autorizaba este xoves a colaboración co Concello de Marín para afrontar esta obra cun orzamento de 3,6 millóns de euros. Os traballos terán unha duración dun ano e a administración autonómica iniciará nas vindeiras semanas os trámites expropiatorios para mellorar a actual estación de bombeo

Río Lameira
Río Lameira / Concello de Marín

O Consello da Xunta autorizaba este xoves a firma do convenio para que Augas de Galicia e o Concello de Marín poidan levar a cabo a execución da obra de mellora da rede de saneamento na contorna do río Lameira. 

O investimento previsto para esta obra ascende a 3,6 millóns de euros, dos que a Consellería de Infraestruturas achegará case 2,9 millóns de euros mentres que o Concello de Marín asumirá unha partida de 720.000 euros. Atópanse financiadas dentro do Programa Operativo FEDER Galicia, da Unión Europea.

Nas próximas semanas está previsto que a Xunta inicie os trámites de expropiación para despois licitar as obras, que terán un prazo dun ano para executarse. Renovarase o colector xeral cunha lonxitude de 1.600 metros, desde a súa orixe na estrada autonómica PO-313, en Coirados, ata a ponte Zapal, situado no centro urbano, na zona onde o río se canaliza ata a súa desembocadura.

Dentro dos traballos tamén se contemplan intervencións na rede para desconectar augas pluviais do sistema de saneamento. Construirase un elemento regulador dos caudais, que se bombearán en dúas etapas, ata que cheguen á depuradora.

A actual estación de bombeo do río Lameira, segundo recoñece a Xunta, presenta actualmente deficiencias, tanto hidráulicas como de explotación debido á carencia de equipos para a xestión eficiente.

O proxecto busca, ademais, mellorar ambientalmente o río Lameira na súa extensión, que nestes momentos atópase degradado debido á presenza de residuos ou pola invasión de maleza. Construirase un acceso na zona de servidume e eliminaranse obstáculos.

A obra inclúese dentro do Plan de saneamento da ría de Pontevedra, que proxecta unha decena de intervencións por parte da Xunta de Galicia.