Axudas de máis de 35.000 euros para afrontar a crise nos negocios máis afectados pola pandemia

Barro
24 de maio 2021

O Concello de Barro achegará o 1% do seu orzamento para colaborar cos negocios que se viron forzados a pechar a súa actividade debido á crise sanitaria. 25.000 euros procederán das arcas municipais mentres que a Deputación de Pontevedra, a través do Plan Concellos 2021, investirá 10.700 euros

Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, na zona dereita da imaxe
Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, na zona dereita da imaxe

O vindeiro pleno da corporación de Barro aprobará axudas para os sectores máis afectados pola crise pandémica, segundo anuncia o goberno municipal. A intención é reactivar a economía do Concello e manter en funcionamento os establecementos de proximidade e na hostalería.

O programa de axudas contempla unha achega do 1% do seu orzamento para axudar aos negocios de Barro, que se viron obrigados a pechar a súa actividade comercial. Trátase de 25.000 euros das arcas municipais que serán completados coa cantidade de 10.700 euros aprobada pola Deputación de Pontevedra, a través da liña 2 do Plan Concellos 2021.

En total, o goberno local destinará 35.700 euros para que os diferentes locais comerciais e servizos do municipio teñan elementos para facer fronte ás dificultades económicas derivados da situación sanitaria.

As axudas, segundo o goberno que dirixe Xosé Manuel Fernández Abraldes, irán destinadas á hostalería, comercio, ximnasios, empresas de lecer e cultura que carecesen de actividade por un período mínimo  de dous meses entre o 14 de marzo de 2020 ata a actualidade e que teñan o establecemento en Barro. As axudas será dunha contía de 600 euros por establecemento e de 1.000 euros no caso de empresarios con máis dun local comercial.