"El Ayuntamiento no es el cortijo particular del alcalde", afirma o PP

Pontevedra
15 de abril 2026

O Partido Popular acusa o goberno local de non aplicar acordos plenarios

Pepa Pardo, concelleira do Partido Popular

"El Ayuntamiento no es el cortijo particular del alcalde, por el que pueda campar a sus anchas. Le recuerdo que perdió las elecciones municipales de 2023, y que solo un pacto de perdedores con el PSOE le mantuvo en el cargo", manifestou en rolda de prensa a concelleira do Partido Popular de Pontevedra, Pepa Pardo.

O grupo municipal do PP denunciou o que considera unha "escasa o nula ejecución" dos acordos aprobados no Pleno municipal por parte do goberno local do BNG e singularmente do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

Pepa Pardo criticou en rolda de prensa que o "gobierno minoritario no estaría cumpliendo", segundo a súa versión, con boa parte das mocións aprobadas no actual mandato.

En concreto, sinalou que das 67 iniciativas presentadas polo PP que saíron adiante, 42 foron aprobadas por unanimidade, aínda que só unha parte reducida chegaría a executarse.

Pardo sostén que o incumprimento destes acordos "afecta a los principios democráticos básicos". 

A edil do PP defendeu que as mocións aprobadas no Pleno, como máximo órgano de representación municipal, deben cumprirse de forma efectiva e non quedar, nas súas palabras, "sin aplicar".

Neste sentido, a edil popular anunciou que o seu grupo defenderá unha moción no próximo Pleno co obxectivo de garantir a execución dos acordos, así como establecer mecanismos de seguimento e información periódica sobre o seu grao de cumprimento.

Tamén propón que estes datos se publiquen na web municipal para reforzar a transparencia.

Entre as iniciativas que o PP asegura que seguen sen executarse, Pardo citou actuacións como a reordenación do tráfico en San Roque, a eliminación de determinados elementos de acougado do tráfico en vías sanitarias, a posta en marcha de lanzadeiras ao Hospital Montecelo, a creación de recursos de acollida para mulleres vítimas de violencia machista ou a humanización de varios barrios da cidade.

A proposta será debatida no Pleno do próximo 27 de abril.