Baixa a presión asistencial por covid-19 nos hospitais da área sanitaria nas últimas 24 horas

Pontevedra
27 de febreiro 2021

Dos 63 pacientes que figuraban ingresados este venres pásase este sábado a 57, cunha persoa menos na Unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo. Nas últimas horas rexistráronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés 43 novos positivos, 41 deles a través das 514 probas PCR realizadas pola Consellería de Sanidade

Xente no Centro de Saúde Virxe Peregrina de Pontevedra
Xente no Centro de Saúde Virxe Peregrina de Pontevedra / Mónica Patxot

Descenso de seis pacientes infectados por covid-19 nas habitacións dos hospitais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés durante as últimas 24 horas, entre eles atópase un dos enfermos que permanecían na Unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo. Desta forma continúa a progresiva diminución da presión asistencial na área ao pasar de 63 pacientes aos 57 que se rexistran este sábado 27 de febreiro.

Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, 44 pacientes con covid-19 atópanse ingresados en planta de hospitalización: 35 no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra en habitacións de Montecelo e 9 no Hospital do Salnés. Na Unidade de Coidados Críticos de Montecelo permanecen 13 pacientes.

Dos 842 casos que se manteñen activos na área sanitaria, 785 atópanse nas súas vivendas evolucionando da súa enfermidade. Nas últimas horas non se produciron vítimas e se  mantien a cifra de 153 falecementos desde que se iniciou o plan de continxencia hai un ano. Durante este período curáronse 11.334 persoas, 85 máis que na xornada do venres.

Durante as últimas 24 horas rexistráronse 43 novos positivos, 41 deles a través das 514 probas PCR realizadas pola Consellería de Sanidade na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

DATOS EN GALICIA

Galicia suma este sábado 272 novos contaxios producidos pola covid-19. 146 menos que os rexistrados fai sete días. A área sanitaria da Coruña é a que ofrece un maior número de novos casos con 110, seguida por Vigo con 46 e por Pontevedra con 43.

Durante a última semana detectáronse 1.861 casos novos. Permanecen 5.900 casos activos, con 419 pacientes hospitalizados e 114 persoas nas Unidades de Coidados Críticos. Nas últimas 24 horas rexistráronse 7 novos falecementos por esta enfermidade situando o número de mortes desde o inicio da pandemia en 2.220 persoas na comunidade autónoma.