Baixa a delincuencia na provincia de Pontevedra por segundo ano consecutivo

Pontevedra
17 de xaneiro 2025
Actualizado: 17:19

As comisarías de Pontevedra e Marín, pola contra, rexistraron un incremento de infraccións penais, segundo indicou o subdelegado do Goberno, Abel Losada, tras celebrar a Xunta Provincial de Seguridade

Xunta Provincial de Seguridade
Xunta Provincial de Seguridade / Subdelegación del Gobierno

A criminalidade na provincia de Pontevedra rexistrou un novo descenso durante o 2024, segundo informou o subdelegado do Goberno, Abel Losada, tras celebrar a Xunta Provincial de Seguridade durante este venres 17.

Os datos reflicten unha baixada do 1,8% no ámbito da Garda Civil e do 0,1% no da Policía Nacional.

A análise por comisarías amosa un comportamento desigual: mentres Vigo-Redondela (-0,6%) e Vilagarcía de Arousa (-12,5%) experimentaron descensos, Pontevedra (+7,1%) e Marín (+16,3%) rexistraron incrementos nas infraccións penais.

Un dos datos máis positivos é a redución dos roubos con forza en vivendas, que diminuíron un 13% no rural, pasando de 396 a 342 ao longo de 2024, e un 12,8% nas zonas urbanas.

"É certo que houbo días e semanas concretas nos que nun determinado concello ou comarca se produciron varios roubos, pero, ao final, as estatísticas anuais ofrecen unha visión obxectiva e este ano, curiosamente, foi moi bo, como demostran os números, aínda que é perfectamente comprensible que a quen lle rouban na casa teña unha idea distinta", afirmou Abel Losada.

Pola contra, na Subdelegación do Goberno segue a preocupar o importante aumento de casos de ciberdelincuencia, que medrou un 66% no ámbito urbano.

En canto á violencia sexual, as agresións máis graves aumentaron nas cidades pero mantivéronse estables no rural.

A provincia rexistra actualmente 1.778 mulleres dadas de alta no sistema VioGén, das cales 16 están consideradas en risco altona provincia pero non figura ningunha en risco extremo. segundo os datos ofrecidos. 

Segundo os datos ofrecidos, 255 mulleres permanecen en risco medio, 821 en baixo e 730 en risco non apreciado.

As agresións sexuais graves, nas que existe penetración, subiron un 20% - de 49 a 59 - na provincia. O resto de agresións sexuais avanzou nun 6,9%, pasando de 143 a 153 casos.

"Pontevedra segue a ser unha das provincias máis seguras, nun dos países máis seguros do mundo", subliñou Losada, quen fixo un chamamento a non facer caso a "voces alarmistas e interesadas" sobre a situación da seguridade cidadá.

O subdelegado do Goberno destacou a necesidade de reforzar a prevención fronte á ciberdelincuencia, especialmente nas estafas a distancia e nas operacións fraudulentas con criptomoedas, a través de programas como o Plan Director e o Plan Maior.

Losada mantivo o encontro cos máximos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra: o comisario-xefe provincial, Juan José Díaz; o tenente-coronel da Garda Civil, Óscar Grañas; e o comisario de Vigo-Redondela, Ramiro Gómez.

Na reunión participou tamén a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller, María José Rodríguez, quen se encargou de informar sobre os cambios derivados da entrada en funcionamento de VioGén2, o novo sistema de protección das vítimas de violencia de xénero.

Óscar Grañas, Juan José Díaz, Abel Losada, Ramiro Gómez e María José Rodríguez
Óscar Grañas, Juan José Díaz, Abel Losada, Ramiro Gómez e María José RodríguezSubdelegación del Gobierno