O número de parados rexistrados nas oficinas do servizo público de emprego da cidade de Pontevedra volveu baixar no mes de agosto. O tirón estacional reduciu o número de desempregados en 12 persoas con respecto ao mes anterior, un comportamento que coincide cos datos rexistrados a nivel estatal e autonómico. Así, o total ascende actualmente a 6.322 persoas sen emprego.
O descenso nos datos do paro é xeralizado en todos os concellos da provincia. En todo caso,aqueles cun maior interese turístico é onde se producen os maiores descensos. Chama especialmente a atención o bo dato do Grove con 135 desempregados menos.
| Agosto 2016 | Xullo 2016 | Variación | |
| Pontevedra | 6.322 | 6.334 | -12 |
| Barro | 310 | 317 | -7 |
| Bueu | 750 | 753 | -3 |
| Caldas de Reis | 862 | 840 | +22 |
| Cambados | 1.019 | 1.035 | -16 |
| Campo Lameiro | 160 | 164 | -4 |
| Cotobade | 316 | 326 | -10 |
| Cuntis | 411 | 405 | -6 |
| O Grove | 570 | 705 | -135 |
| A Illa de Arousa | 281 | 290 | -9 |
| A Lama | 199 | 192 | +7 |
| Marín | 1.816 | 1.849 | -33 |
| Meaño | 307 | 316 | -9 |
| Meis | 365 | 374 | -9 |
| Moraña | 398 | 414 | -16 |
| Poio | 1.090 | 1.092 | -2 |
| Ponte Caldelas | 537 | 563 | -26 |
| Portas | 237 | 243 | -6 |
| Ribadumia | 327 | 337 | -10 |
| Sanxenxo | 829 | 864 | -35 |
| Vilaboa | 443 | 448 | -5 |
| Vilagarcía de Arousa | 3.623 | 3.688 | -65 |
| Vilanova de Arousa | 794 | 837 | -43 |
DATOS PROVINCIAIS
O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) baixou na provincia de Pontevedra en 538 desempregados menos durante agosto (un 0,69%), segundo os datos que publica este venres o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
Deste xeito a provincia conta con 77.058 desempregados. Respecto ao ano pasado a cifra do paro reduciuse un 9,32%, é dicir, en 7.917 persoas.
En Galicia durante o mes de agosto tamén baixou o paro en 2.412 persoas (un 1,23 %) en relación co mes anterior. Deste xeito, en relación con agosto do 2015, a comunidade galega conta con 20.687 persoas menos en paro, o que supón un descenso do 9,68 %, ata situar o total en 193.045 desempregados.
Contrasta este dato co aumento rexistrado no conxunto estatal onde o número de parados rexistrados subiu en agosto en 14.435 persoas en relación co mes anterior, co que se acaba cunha sucesión de cinco meses consecutivos á baixa.
Desta forma, a cifra total de parados rexistrados sitúase en 3.697.496 persoas, a menor cifra rexistrada nun mes de agosto desde o 2009, segundo informou este venres o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.