Baixan a 333 os casos activos de covid na área sanitaria tras un domingo con 17 contaxios detectados

Pontevedra
24 de maio 2021

Esta cifra supón un descenso de 10 infeccións activas, segundo o balance oficial do Sergas á primeira hora deste luns 24 de maio. Mantense sen cambios a cifra de hospitalizados, con 19 persoas ingresadas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra

Ambulancia entrando no Hospital de Montecelo
Ambulancia entrando no Hospital de Montecelo / Mónica Patxot

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés inicia unha nova semana con 333 casos activos de  covid, o que supón un descenso de 10 na última xornada.

Así o indica a actualización dos datos oficiais da pandemia realizada ás 10.00 horas deste luns 24 de maio polo Servizo Galego de  Saúde.

Segundo eses datos a área pontevedresa contabilizou 17 novos contaxios, aínda que cunha cifra baixa de probas PCR realizadas (270). En todo caso as altas epidemiolóxicas ascenderon a 27, o que permitiu unha xornada máis reducir os casos totais.

Onde non hai cambios é na presión hospitalaria, aspecto no que do mesmo xeito que o domingo permanecen ingresadas 19 persoas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, das que 14 evolucionan en planta e 5 fano na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo.

Desde o inicio da pandemia superaron o coronavirus 13.651 pacientes da área sanitaria, rexistrándose 177 falecementos de persoas con positivo por covid activo.

DATOS DE GALICIA

A nivel autonómico Galicia conta este luns 24 con 2.624 casos activos, o que supón un descenso de 32 nas últimas 24 horas. Na comunidade 112 persoas afectadas polo virus permanecen ingresadas nunha planta hospitalaria (catro máis) e 32 evolucionan na UCI (dúas máis).

Galicia contabilizou ademais 2.411 falecementos asociados á pandemia, tras sumar un máis na última xornada.