Baixan a sete os concellos da área sanitaria en alerta vermella por alta incidencia de covid-19

Pontevedra
13 de novembro 2020

Os sete municipios neste nivel 3 de alerta son Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Ribadumia e Cambados. Segundo os datos de  Sanidade, caen da lista O Grove e Soutomaior, pero inclúese Cambados, que nas últimas semanas moveuse dunha situación a outra e levaba varios días en nivel laranxa

Evolución da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés por concellos a data 13 de novembro
Evolución da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés por concellos a data 13 de novembro / Sergas

A alerta vermella por alta incidencia de covid-19 afecta este venres 13 de novembro a un municipio menos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que nos últimos días. Tras varias xornadas con oito concellos neste nivel 3 de alerta por número de positivos por  PCR nos sete días anteriores, este venres tan só hai sete.

Os sete municipios neste nivel 3 de alerta son Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Ribadumia e Cambados. Segundo os datos achegados por  Sanidade, caen da lista O Grove e Soutomaior, pero inclúese Cambados, que nas últimas semanas moveuse dunha situación a outra e levaba varios días en nivel 2 ou laranxa. 

En Pontevedra, segundo as cifras facilitadas pola Consellería de  Sanidade ao  Concello, hai  12 casos activos máis que o xoves, o que implica que o total de veciños coa infección activa sitúase este venres en 377.

A cidade do Lérez segue sendo, como consecuencia directa da súa maior poboación, o municipio con máis casos activos. O segundo é Marín, que, tras varios días, baixou dos 100 casos activos. Este venres son 94 , seis menos que os contabilizados o xoves.

En Poio, segundo os datos facilitados este venres, crece a incidencia, con catro casos activos máis que o xoves que sitúan o total de pacientes coa infección activa en 67.

Vilagarcía, pola súa banda, ten 79 casos activos, dous menos que no último balance, e Cambados ten 65 casos activos tras rexistrar dous máis nas últimas 24 horas.

Sanxenxo, do que a Consellería de Sanidade dixo este venres que está en "especial observación", tamén sumou novos casos e ten este vernes 72, tres máis que o xoves.  

No nivel de alerta laranxa ou 2 ao que pasaron este venres O Grove e Soutomaior tamén está Caldas de Reis. É o único que repite. En Soutomaior os casos activos ascenden a 41 (un menos que o xoves).

 

Cuntis, Meis, Meaño, Vilaboa, Bueu e A Lama están con nivel de alerta 1 (amarelo). 

O resto da área sanitaria mantense en nivel de alerta 0 (verde) porque se detectaron menos de sete  contaxios na última semana. Este nivel verde afecta a Ponte Caldelas, Barro, Portas, Vilanova de Arousa -con 21 casos activos, dous máis que o xoves-, A Illa de Arousa, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e Moraña.