Baixan as hospitalizacións e os casos activos de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra

Pontevedra
15 de novembro 2020

Os datos de incidencia da covid-19 que difundiu este domingo o Servizo Galego de Saúde arroxan unha tendencia positiva. Nas últimas 24 horas reducíronse a presión asistencial, con sete hospitalizados menos que onte, e tamén os casos activos, que baixaron ata os 1.267, dez menos. Os novos contaxios, iso si, foron 50

Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra a 15 de novembro
Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra a 15 de novembro / Servizo Galego de Saúde

Os datos de incidencia da covid-19 que difundiu este domingo o Servizo Galego de Saúde arroxan unha tendencia positiva. Nas últimas 24 horas reducíronse a presión asistencial, con sete hospitalizados menos que onte, e tamén os casos activos, que baixaron ata os 1.267, dez menos. Os novos contaxios, iso si, foron 50.

Os hospitais da área sanitaria atenden nestes momentos a 68 pacientes con covid. A maior parte deles, un total de 42, están ingresados en planta do Hospital Montecelo. Quince están no Hospital do Salnés e catro no hospital QuirónSalud Miguel Domínguez.

Os que se atopan en estado máis grave son as sete persoas, unha máis que onte, que están na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo.

O resto dos que contraeron o virus, outras 1.199 persoas, atópanse illados nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 3.174 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 60 máis desde onte, e rexistráronse 42 falecementos asociados ao virus.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 78.366, 1.163 nas últimas horas. A estas probas súmanse as 42.027 seroloxías realizadas ata a data.

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 9.298, 256 menos que o día anterior. Deles 1.820 son da área da Coruña, 1.062 da de Lugo, 825 da de Ourense, 1.267 da de Pontevedra, 2.442 da área de Vigo, 1.041 da de Santiago e 841 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 105 están en UCI, 472 en unidades de hospitalización e 8.721 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 35.003 persoas curadas, rexistrándose 1.062 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 797.998 probas PCR e 410.767 probas serolóxicas que, nas últimas 24 horas, permitiron detectar a 489 infectados.