Bará acusa a oposición de ter "o cerebro motorizado porque cando analizan un proxecto pensan en coches"

Pontevedra
03 de setembro 2015

O concelleiro de Obras e Mobilidade mantivo unha xuntanza na mañá deste xoves coas directivas da Cidade Infantil Príncipe Felipe e da Escola de Hostelería Carlos Oroza

Estrada de acceso ao Hospital Montecelo
Estrada de acceso ao Hospital Montecelo / Mónica Patxot
Luis Bará entende que a oposición pensa de maneira "motorizada" /

Os pasos elevados instalaranse na avenida de Montecelo se así o deciden os técnicos municipais. Con esa premisa, o concelleiro de Obras e Mobilidade, Luis Bará indicou que mantén a proposta inicial de instalar "lombos" no ámbito do Hospital de Montecelo para calmar o tráfico, garantir a seguridade viaria e protexer os peóns na reforma que está prevista para ese ámbito por parte do goberno municipal.

O concelleiro aproveitou para lamentar a actitude da oposición ao entender que se encontran nunha competencia para ver quen se opón máis ao proxecto. "Hai unha carreira por distorisionar vos obxectivos do proxecto" indicou Luis Bará que negou que se considere a instalación de 11 pasos elevados nese traxecto entre a avenida de Lugo e a entrada da Cidade infantil Príncipe Felipe. Bará afirmou que os representantes da oposición que mostraron o seu rexeitamento á proposta de reformar ese tramo teñen " o cerebro motorizado porque cando analizan un proxecto pensan en coches" mentres que o goberno local, sinalou, pensa nas persoas. O concelleiro apuntou que se teme que os partidos que se manifestaron en contra queren facer unha fronte contra o modelo urbano do equipo de goberno.

Precisamente o concelleiro reuníase na mañá deste xoves 3 coas directivas da Cidade infantil e da Escola de Hostelería Carlos Oroza. Sobre a oposición aos "lombos" mostrada polo xerente do Complexo Hospitalario, José Manuel González, Luis Bará apuntou que o Concello actuará segundo o que estimen os técnicos e que non se vai condicionar o proxecto atendendo a unha soa das partes. "Buscaremos unha solución global", apuntou.

AUTOBUSES NA FEIRA FRANCA

Bará rexeitou tamén a proposta do Partido Popular de poñer en marcha autobuses para trasladar persoas de localidades próximas á Feira Franca. O responsable de Mobilidade indicou que "de ocorrencias eu xa non falo máis" e ironizou apuntando que igual era necesario poñer en marcha un carro medieval para transportar os visitantes. Concluíu sinalando que non se detecta ningún problema neste sentido e que a Feira Franca é unha festa consolidada.