Bará avoga por recuperar o proxecto do 'Viario do Vao' para aliviar o tráfico na Barca

Pontevedra
13 de xuño 2020

Nun acto na rotonda da Barca, o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra expuxo a creación dun Plan Xeral de Seguridade Viaria para a rede de estradas autonómicas centrado na mellora das travesías e da mobilidade peonil e ciclista

Acto de Luis Bará na rotonda da Barca
Acto de Luis Bará na rotonda da Barca / BNG

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, protagonizou este sábado un acto na rotonda da ponte da Barca, en Poio, onde defendeu a idoneidade de retomar o proxecto do 'Viario Norte' para aliviar o tráfico e poder urbanizar "con calidade" a zona. 

Bará sinalou que máis aló de actuacións "parciais" como as que desenvolveu nos últimos anos o goberno autonómico, a formación nacionalista cualifica como imprescindible "activar un proxecto que leva parado once anos, que é o Vial Norte ou Vial do Vao".

Desta maneira "converteriamos a estrada nunha rúa, de maneira que se integre na trama urbana, que sexa unha zona urbanizada de calidade, con características plenamente urbanas e non dunha estrada de paso como é agora" ao permitir desviar boa parte do tráfico rodado que soporta hoxe en día.

O candidato nacionalista pola provincia nas próximas eleccións autonómicas defendeu ademais que é necesario acometer canto antes medidas de redución de velocidade nesta zona "porque tal como está agora a PO-308 está habendo continuamente accidentes e atropelos e é unha situación que non se pode consentir".

Luís Bará realizou estas declaracións acompañado das concelleiras Marga Caldas e Raquel Fernández, ademais de militantes do BNG, nun acto no que tamén defendeu a necesidade de elaborar un novo Plan Xeral de Seguridade Viaria para a rede de estradas autonómicas que terá como obxectivos prioritarios mellorar a mobilidade peonil e ciclista e resolver a violencia viaria localizada nas travesías urbanas.