Bará leva a campaña ás portas de Abanca e pide a devolución das comisións de mantemento "abusivas"

Pontevedra
29 de xuño 2020

O BNG está "radicalmente en contra" destas prácticas, que afectan a pensionistas, persoas autónomas e persoas traballadoras, moitas delas en ERTE. Trátase de 50 euros de comisión de mantemento por semestre, cantidade que ve "totalmente abusiva" e máis nun momento tan delicado como o actual  

Luís Bará, Manuel Lourenzo e cargos orgánicos e institucionais do BNG diante de Abanca
Luís Bará, Manuel Lourenzo e cargos orgánicos e institucionais do BNG diante de Abanca / BNG

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra para as eleccións autonómicas do 12 de xullo, Luís Bará, levou este luns a campaña electoral ás portas da oficina central de Abanca na cidade do Lérez para esixir á entidade bancaria a devolución das "abusivas" comisións de mantemento que está a cobrar. 

Bará defendeu que o BNG está "radicalmente en contra" destas prácticas, que afectan fundamentalmente a pensionistas, persoas autónomas e persoas traballadoras, moitas delas en situación de ERTE. Trátase de 50 euros de comisión de mantemento por semestre, cantidade que ve "totalmente abusiva" e máis nun momento tan delicado como o actual no que se están a sufrir as consecuencias económicas da pandemia da Covid-19. 

O cabeza de lista do BNG anunciou que defenderá a devolución das comisións abusivas e tamén a devolución do rescate de Abanca para crear unha banca pública galega que tería dous obxectivos principais: fomentar e financiar obra pública e de interese social e impulsar o tecido produtivo e a actividade industrial participando en sectores económicos e empresas estratéxicos para o país. 

"O BNG quere un banco público e o PP protexe e beneficia á banca privada que foi desmantelada e resultado da desfeita das caixas que é responsabilidade directa do señor Núñez Feijóo", demandou Bará, que tamén lembrou que Abanca foi rescatada con 9.000 millóns de euros de diñeiro público e "malvendida" por mil millóns que a empresa xa recuperou no primeiro ano. 

Acompañado do tamén candidato Manuel Lourenzo e doutros cargos orgánicos e institucionais do BNG, Bará destacou esta banca pública galega permitiría achegar liquidez en momentos críticos como o actual, ao tempo que sería o motor financeiro para o tecido produtivo galego, en especial as PEMEs, e permitiría orientar o financiamento cara a proxectos estratéxicos na reorientación do tecido produtivo. 

Bará destacou que para poñer todas estas iniciativas en marcha é preciso un cambio galego nas eleccións do 12 de xullo, convertendo á candidata do BNG, Ana Pontón, en presidenta e facendo historia. Para logralo, fixo un chamamento a que é precisa a mobilización do voto e destacou que ninguén que non estea satisfeito coas políticas actuais do PP pode quedar na casa