Bará: "Praceres non pode ser o funil polo que pase a merda de catro concellos"

Pontevedra
01 de outubro 2019

A oposición "frontal" a calquera intento por ampliar a depuradora de Pontevedra será, segundo adiantou o deputado Luís Bará, un dos principais eixos de traballo do BNG no Parlamento galego na recta final desta lexislatura

Luis Bará na tribuna do Parlamento de Galicia
Luis Bará na tribuna do Parlamento de Galicia / BNG

A oposición "frontal" a calquera intento por ampliar a depuradora de Pontevedra será, segundo adiantou o deputado Luís Bará, un dos principais eixos de traballo do BNG no Parlamento galego na recta final desta lexislatura.

"Praceres non pode ser o funil polo que pase a merda de catro concellos", reiterou Bará nunha rolda de prensa celebrada en Pontevedra, na que explicou que a alternativa a esa ampliación debe ser construír depuradoras máis pequenas nos municipios da ría.

Este rexeitamento para ampliar a depuradora forma parte do paquete de iniciativas nas que traballará o BNG en relación ao saneamento da ría.

Os nacionalistas inclúen tamén a dragaxe do Lérez, actuación na que a Xunta está "liando o palangre" e busca "escusas" para non executalo. Bará sinalou que a solución que propón o seu partido é dar un tratamento "diferenciado" aos áridos, que poden rexenerar bancos marisqueiros, e os lodos, que serían tratados "en terra" en plantas especializadas.

A situación de ENCE, para a que piden a derrogación da súa prórroga e unha investigación pola queima de aceites industriais; a situación "absolutamente escandalosa" da Xunqueira de Alba con administracións que "están de okupas" ou a posible transferencia da illa de Tambo a Galicia tamén requirirán atención por parte do BNG.

Luís Bará apuntou que o BNG solicitará unha actuación "planificada e integrada" nas estradas PO-308, PO-546 e PO-531 para reducir a sinistralidade viaria e continuará coa súa campaña contra o "saqueo" da AP-9 esixindo a súa transferencia e a redución das peaxes, entre outras medidas coa gratuidade do tramo entre Vilaboa e Pontevedra.

A sanidade, coa situación "alarmante" dos PAC, os atrasos nas citas ou a necesidade de novos centros de saúde en Caldas e Poio será outro dos ángulos de atención do BNG, que presentará en outubro unha proposición para que Xunta e Deputación estuden a mellor fórmula para atender ás emerxencias nos concellos do interior da provincia.

Este asunto, engadiu, non se pode resolver con propostas "disparatadas" que supoñan ofrecer terreos nun ou outro concello " sen ningún tipo de estudo".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora