Barreiro, Beiras e Pérez Touriño analizarán no Museo os 45 anos do Estatuto de Autonomía

Pontevedra
15 de xuño 2026

O Ateneo de Pontevedra organiza, en colaboración coa Deputación, esta actividade co ex vicepresidente da Xunta, o ex portavoz nacional do BNG e o ex presidente socialista da Xunta de Galicia este mércores 17

Barreiro, Beiras e Touriño
Barreiro, Beiras e Touriño / Ateneo de Pontevedra

O Ateneo de Pontevedra e o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra reúnen esta semana a tres figuras fundamentais da política galega para analizar a traxectoria do autogoberno. 

Xosé Luís Barreiro, Xosé Manuel Beiras e Emilio Pérez Touriño protagonizan a mesa redonda titulada O Estatuto de 1981. Balance de 45 anos.

O encontro desenvólvese este mércores 17 de xuño, ás 19:00 horas, no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

O acceso para o público é libre ata que se complete a capacidade do espazo.

A xornada conta coas perspectivas referenciais dos tres políticos de longa traxectoria pública e que tiveron unha relevancia durante as últimas décadas en Galicia: o ex-vicepresidente da Xunta de Galicia, Xosé Luís Barreiro; o ex-portavoz nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras; e o ex-presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño.

Esta actividade forma parte do programa conmemorativo 90 anos do Estatuto.

O ciclo lembra o proceso histórico do primeiro proxecto de autonomía para Galicia, que se someteu a plebiscito o 28 de xuño de 1936 tras a vitoria electoral da Fronte Popular e que non chegou a aplicarse debido á sublevación militar e á guerra civil.