O Concello de Barro amplía o seu plan de compostaxe municipal ás vivendas. Este xoves comeza a fase de información de este programa que inicialmente abranguerá aos lugares de Outeda e Fonte de Curro.
Coa colaboración do Ministerio de Medio Ambiente e o asesoramento da organización ambientalista Amigos da Terra, achegarase este plan a 70 familias que deberán cumprir os seguintes requisitos: habitar unha vivenda unifamiliar do municipio con parcela anexa, a concienciación ambiental e o número de habitantes da vivenda, que priorizará ás vivendas con maior número de persoas.
A cambio cada familia terá un composteiro de 320 litros, un manual de compostaxe e a formación e o asesoramento continuado durante un ano.
O xoves farase a primeira asemblea informativa aos veciños da parroquia de Curro co obxectivo de dar a coñecer o programa e inscribir a todas as familias que o desexen. Será ás 20:30 horas na Casa da Fábrica.
Deste xeito, ao composteiro comunitario implantado no municipio, sumaranse agora tamén os composteiros domésticos de todas estas familias.
Unha vez se inicie o proceso nas vivendas, realizaranse tres visitas nos domicilios dos participantes, para facer seguimento, resolver dúbidas e recoller datos relativos á evolución do proxecto. Finalizarase coa extracción de compost de cada composteiro e unha avaliación da experiencia, que servirá para poñer en marcha outras vindeiras fases do mesmo.
Dende o goberno local amosaron a súa preocupación polo aumento progresivo da cantidade de residuos, os problemas derivados do actual modelo de xestión e a necesidade de atopar unha alternativa a esta situación. Estes foron os motivos principais que fixeron poñer en marcha este programa.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.