Barro aproba o cambio da cuberta do pavillón e a compra do solar da antiga central de Telefónica

Barro
12 de outubro 2023

O goberno municipal de Barro sacou adiante no pleno que se celebrou na noite deste mércores en sesión extraordinaria, unha proposta de modificación de créditos con cargo ao remanente de tesourería por valor de 360.000 euros

Edificio do Concello de Barro
Edificio do Concello de Barro / Pontevedraviva

O goberno municipal de Barro sacou adiante no pleno que se celebrou na noite deste mércores en sesión extraordinaria, unha proposta de modificación de créditos con cargo ao remanente de tesourería por valor de 360.000 euros.

As partidas máis grandes que se contemplan son as dedicadas á construción dunha nova cuberta para o pavillón municipal e que ascenden a 240.000 euros.

Nesta modificación incluíuse unha partida valorada en 20.000 euros coa que o concello adquirirá a parcela na que se atopa actualmente a antiga central de Telefónica no Santo Antoniño.

Esta compra permitirá ao concello unificar esa parcela coas dúas que albergan o actual centro de saúde e o composteiro comunitario, e ter así un único solar no que poder construír no futuro un equipamento de uso social.

O resto de fondos contemplados irán destinados a outras actuacións, como melloras na seguridade viaria, a compra de novos colectores de lixo, a reconstrución do peche da antiga escola unitaria de Valiñas ou a instalación eléctrica da capela municipal de San Marco, entre outras.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, mostrouse moi satisfeito por poder sacar adiante esta proposta xa que a compra da parcela de Telefónica "permitiranos ter un único solar no que poderemos construír un equipamento de carácter social unha vez derrubado o centro de saúde vello".

No pleno tamén se deu luz verde á saída a licitación do contrato do ciclo da auga do Polígono de Outeda, que terá unha duración máxima dun ano, coa posibilidade de prórroga dun ano máis e unha contía de 295.000 euros.