O goberno local de Barro puxo en marcha o 30 de marzo unha liña de axudas de emerxencia para as familias máis vulnerables do municipio. Estas axudas financiábanse cunha subvención extraordinaria da Deputación de Pontevedra, que ascendía a 15.240 euros, con achega do Concello con fondos propios ata cubrir todas as necesidades esenciais das persoas residentes.
O departamento de Servizos Sociais é o encargado de xestionar as axudas que se centran na entrega de vales de compra para adquirir alimentos, produtos de hixiene e de limpeza de primeira necesidade, ademais de produtos farmacéuticos.
A este apartado súmanse 6.200 quilos de alimentos non perecedoiros que xa foron entregados en lotes ás familias con máis necesidades dentro do municipio. Trátase de alimentos procedentes do Programa de axuda alimenticia, do Fondo de Axuda Europeo e do Ministerio de Agricultura, que achegaron 5.000 quilos. O resto foi doado por distintas empresas e entidades da contorna.
Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, agradece estas achegas para loitar contra as consecuencias da pandemia e o esforzo que está a levar a cabo o persoal municipal para atender as demandas veciñais.