Barro celebra este domingo a quinta edición da súa xa tradicional baixada de carrilanas

Umia
03 de xuño 2022

O inicio da proba está previsto para as 15.30 horas desde o lugar da Campodeira e a verificación dos vehículos, ás 12 horas no Pazo da Crega

Presentación da quinta edición da Baixada de Carrilanas de Barro
Presentación da quinta edición da Baixada de Carrilanas de Barro / Concello de Barro

A quinta edición da Baixada de Carrilanas de Barro celebrarase este domingo cun descenso de dous kilómetros desde a Campodeira ata Outeiro, preto da piscina municipal.

Así o detallaron este venres o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes; os concelleiros Rocío Martínez e Iván Bello, e os pilotos Sergio Búa e Carlos Rodríguez, durante a presentación desta proba na que colaboran as federacións de inercia de Galicia e Asturias.

Nun percorrido de dous quilómetros pola ladeira do Monte Acibal, os pilotos están citados o domingo ás 12 horas no Pazo da Crega para as valoracións das carrilanas. A competición comezará ás 15.30 horas cunha baixada de recoñecemento para dar paso logo ás carreiras cronometradas. Pecharase a xornada cun descenso de exhibición.