Barro pechou 2017 cun superávit de máis de 400.000 euros

Barro
31 de xaneiro 2018

Segundo os datos sobre a liquidación do orzamento municipal que o goberno local levou ao pleno ordinario da corporación, executáronse a totalidade dos investimentos previstos nas contas de 2017, aos que se sumaron outros proxectos financiados con 300.000 euros do remanente do ano anterior

Xosé Manuel Abraldes, alcalde de Barro
Xosé Manuel Abraldes, alcalde de Barro / Mónica Patxot

Despois de ter investido máis de 750.000 euros, o Concello de Barro pechou o exercicio económico de 2017 cun superávit de 432.492 euros no remanente de tesourería, que agora se destinará á realización de novas obras e proxectos municipais.

Segundo os datos sobre a liquidación do orzamento municipal que o goberno local levou ao pleno ordinario da corporación, executáronse a totalidade dos investimentos previstos nas contas de 2017, aos que se sumaron outros proxectos financiados con 300.000 euros do remanente do ano anterior.

Para o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, as cifras tanto do superávit como da execución dos investimentos son o resultado dun traballo "serio e eficaz", tanto na xestión económica coma na tramitación e execución de moitos proxectos que serviron para a mellora dos servizos e os equipamentos, dos que a veciñanza xa pode disfrutar.

Unha "política económica rigorosa na xestión", un método de contratación "transparente" e unha "política de aforro" no gasto corrente fan que as contas do Concello vaian mellorando pouco a pouco e aseguren a liquidez das arcas municipais, o que permite que o pago aos provedores municipais se realice cunha media de 17 días, moi por debaixo dos 30 que marca a lei.

De cara a este ano 2018, o goberno local comprométese a seguir coa mesma política económica, que lles permite "sacarlle o maior rendemento posible aos cartos públicos" e seguir mellorando os servizos e equipamentos municipais.

O remanente de 2017 dedicarase a obras e proxectos "financieiramente sostibles" que se adapten ás "condicións restritivas" que impón o goberno do Estado.