Barro poderá estrear campo de fútbol de herba artificial en novembro

Barro
30 de setembro 2014

Os traballos contan cun orzamento de 420.201,54 euros e están sendo executados pola empresa Civis Global S.L.. Rafael Louzán e José Antonio Landín visitaron este martes as instalacións, que sufrirán unha completa transformación do actual campo de fútbol de terra nun campo de herba sintética

Visita de Rafael Louzán e José Antonio Landín ás obras do campo de herba artificial de Barro
Visita de Rafael Louzán e José Antonio Landín ás obras do campo de herba artificial de Barro /

As obras de remodelación que dotarán de céspede artificial ao campo de fútbol municipal de Barro estarán rematadas a mediados do mes de novembro. Os traballos contan cun orzamento de 420.201,54 euros e están sendo executados pola empresa Civis Global S.L.

O presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde de Barro, José Antonio Landín, visitaron este martes as instalacións, que sufrirán unha completa transformación do actual campo de fútbol de terra nun campo de herba sintética.

O campo marcarase para dous campos de fútbol 7 e un campo de fútbol 11. Dotarase da correspondente rede de rego composta por seis aspersores; dunha rede de iluminación, con catro torres de 16 metros de altura e catro proxectores de 2.000 watios e ao longo de todo un lateral construirase un gradarío con dúas filas de bancadas. Así mesmo, equiparase con 2 porterías de fútbol 11; catro de fútbol 7; dous banquillos de xogadores e banderíns de córner.

Os traballos marchan a bo ritmo e nestes momentos xa están instaladas todas as canalizacións e tubaxes; completouse o movemento de terras e instaláronse as torres de iluminación. Agora trabállase na dotación dos firmes e bases previos á instalación da capa de céspede artificial e estanse construíndo as bancadas, polo que, se o tempo o permite, os traballos estarán terminados nun prazo de mes e medio.