O pleno do Concello de Barro aprobou poñer ao dispor da Xunta de Galicia os terreos para a construción dun novo centro de saúde.
Na sesión plenaria, celebrada na tarde do mércores, a corporación aprobou esta proposta do alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, cos votos a favor do BNG e do PSOE.
O centro de saúde actual xa ten preto de corenta anos e, segundo o goberno local, "non reúne as condicións técnicas esixibles para a prestación dun servizo público esencial como é o sanitario".
Ao longo destes anos mantivéronse conversacións cos responsables da Consellería de Sanidade quen recoñeceron a necesidade dun novo Centro de Saúde para Barro e nas que o rexedor lles comunicou que o Concello tiña reservados terreos para esa finalidade.
Os terreos que se poñen a disposición da Xunta están reservados no planeamento urbanístico de Barro para a construción deste tipo de equipamentos sanitarios.
O grupo socialista apoiou esta opción, aínda que o seu portavoz, José Sanmartín, dixo que "estamos abertos a outras alternativas como a Rua do Pazo, un espazo de gran amplitude no entorno do Pazo da Crega, que, ademáis, ofrecería a oportunidade de extender o casco urbano, impulsando a construcción de novas vivendas na zona".
No pleno tamén se aprobou unha moción conxunta do PSOE e do BNG para esixirlle á Xunta axudas inmediatas aos sectores económicos afectados polo cesamento da súa actividade forzada polas restricións aprobadas polo goberno galego e tamén para propoñer que Xunta, deputacións e concellos cren un fondo común para o impulso económico de axuda ao sector da hostalería onde cada administración achegue a mesma porcentaxe do seu orzamento.
Para a aplicación deste fondo, elaboraríanse unhas bases consensuadas entre a FEGAMP e a Xunta.
Segundo explica o portavoz socialista, José Sanmartín, "sería unha formula que emularía á administración xermana" co fin de que cada vez que se decreten medidas restrictivas e peches se estableza unha partida económica para paliar as consecuencias en hostelería, comercio, cultura, feiras ou orquestras.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.