Barro pon fin ás perdas de auga no depósito municipal de reserva

Barro
16 de marzo 2022

Nesta construción, con capacidade para dous millóns de litros de auga, fixéronse traballos de limpeza e impermeabilización interior e exterior das paredes e o piso do depósito, así como de pintado exterior para mellorar o seu aspecto estético.  As obras contaron cun orzamento de 27.563 euros

Depósito de reserva de auga en Barro
Depósito de reserva de auga en Barro / Concello de Barro

Aumentar a eficiencia deste servizo e evitar as perdas de caudal. Ese foi o obxectivo das obras de impermeabilización que o Concello de Barro executou no depósito municipal de reserva.

Nesta construción, con capacidade para dous millóns de litros de auga, fixéronse traballos de limpeza e impermeabilización interior e exterior das paredes e o piso do depósito, así como de pintado exterior para mellorar o seu aspecto estético. 

As obras contaron cun orzamento de 27.563 euros, que se financiou con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra e foron executadas pola empresa Okana-21.

Esta actuación forma parte dun plan de traballo para a mellora do servizo de auga, con actuacións no depósito de subministro, na limpeza e coidado dos mananciais ou na instalación de mecanismos de control e contabilización de caudal nas entradas e saídas dos depósitos.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, afirma que "traballamos arreo" para mellorar este servizo e minimizar todo o posible as perdas de caudal, "xa que a auga é un ben moi prezado e ter unhas instalacións en bo estado será fundamental nun ano de seca".