O pleno da corporación municipal de Barro aprobou por unanimidade unha iniciativa para reclamarlle á Xunta de Galicia que cumpra as súas promesas para mellorar a seguridade viaria na estrada PO-531, executando a reforma anunciada hai tres anos.
A actuación prevista na zona parroquia de Curro incluía, entre as súas principais obras, a construción dunha rotonda e dun paso soterrado no lugar de Bretoña, para dar solución ao cruzamento de peóns e vehículos agrícolas.
Tras o anuncio realizado en 2019, denuncian desde Barro, o proxecto "nin está executado nin hai coñecemento de que se vaia a executar proximamente", polo que ante o "incumprimento da palabra dada", a corporación esixe que se retome esta actuación.
Ademais de actuar en Bretoña, a Xunta de Galicia tamén ten pendente executar as obras de mellora da seguridade viaria no tramo vello da PO-531 en Outeda e a reparación da pista que discorre paralela á igrexa de Curro, que está en moi mal estado.
Na sesión plenaria, a corporación aprobou tamén un convenio coa Deputación de Pontevedra para regular a encomenda da xestión do servizo de vixilancia e inspección en materia de residuos e unha moción para tratar de potenciar a feira municipal dos domingos.
Entre as medidas incluídas nesta moción están a promoción do mercado, unha reunión cos comerciantes para saber cales son as causas da baixa participación de postos ambulantes ou un estudo sobre unha posible exención temporal da taxa.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.