Barro renovará o saneamento e mellorará a seguridade en varios viais

Barro
03 de marzo 2017

Barro aprobou tres novos proxectos para financiar a cargo do Plan Concellos 2017 da Deputación que suman 100.130 euros, e que se veñen a engadir ao xa aprobado pola institución provincial de ampliación de viais en Fonte de Curro por un importe de 73.487 euros

Igrexa de San Martiño de Agudelo
Igrexa de San Martiño de Agudelo

Barro aprobou tres novos proxectos para financiar a cargo do Plan Concellos 2017 da Deputación que suman 100.130 euros, e que se veñen a engadir ao xa aprobado pola institución provincial de ampliación de viais en Fonte de Curro por un importe de 73.487 euros.

Estes novos proxectos consisten na mellora da seguridade e os accesos nos lugares da Madanela e o Concello da parroquia de Agudelo que ascende a 24.411 euros, a mellora da seguridade en viais en San Amaro e Lardoeira por importe de 24.621 euros e o saneamento en Fonte de Curro cun orzamento de 51.098 euros.

O goberno municipal está traballando tamén na redacción dos proxectos de saneamento dos lugares da Estación da Portela e Güimil, que rondará tamén os 50.000 euros, outro de mellora da mobilidade e a seguridade viaria por importe de 25.000 euros e a mellora do servizo no alumeado público que ascenderá a 22.000 euros.

Para completar os 324.000 euros da liña 1 do Plan Concellos 2017 está tamén en proceso de redacción un proxecto de mellora e ampliación do pavimento en varios viais municipais, que servirá para mellorar a seguridade e acceso a distintos núcleos do municipio.