Barro súmase á Ruta do Viño Rías Baixas

Barro
24 de maio 2017

A Ruta do Viño Rías Baixas conta, desde este mércores 24 de maio, cun novo concello entre os seus membros. Trátase do Concello de Barro, que formalizou a súa entrada neste itinerario enoturístico co convenio que asinaron o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o seu presidente, Juan Gil de Araujo

Xosé Manuel Fernández Abraldes con Juan Gil de Araujo, presidente da Ruta do Viño Rías Baixas
Xosé Manuel Fernández Abraldes con Juan Gil de Araujo, presidente da Ruta do Viño Rías Baixas

A Ruta do Viño Rías Baixas conta, desde este mércores 24 de maio, cun novo concello entre os seus membros. Trátase do Concello de Barro, que formalizou a súa entrada neste itinerario enoturístico co convenio que asinaron o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o seu presidente, Juan Gil de Araujo.

Gil de Araujo mostrouse moi satisfeito por sumar un novo asociado á Ruta do Viño Rías Baixas, ao entender que isto quere dicir que "hai interese no traballo que estamos a desenvolver para promocionar a nosa ampla oferta enogastronómica". 

O alcalde, pola súa banda, indicou que este convenio axudará a "poñer en valor o territorio vitivinícola de Barro e abrir as portas a que as adegas e establecementos poidan desenvolver o seu labor en prol do enoturismo".

Fernández Abraldes aproveitou a oportunidade para convidar á Ruta do Viño Rías Baixas a unha das súas celebracións máis destacadas, a Festa do Viño de Barro, que se desenvolverá o próximo mes de xuño. 

Grazas a este acordo, tamén se poderán unir a esta asociación sen ánimo de lucro diversos establecementos localizados no municipio de Barro.

O seguinte paso, explicou o presidente da ruta, será "reunirnos con adegas e empresas hostaleiras e hoteleiras para presentarlles o noso proxecto enoturístico e tramitar a súa posible adhesión".

Aquelas empresas interesadas en adherirse á Ruta do Viño Rías Baixas deberán superar previamente unha auditoría coa que se busca garantir que as instalacións e servizos ofertados cumpren cos requisitos mínimos de calidade e atención aos visitantes especificados no manual de produto de Rutas do Viño de España.