Batallán: "Galicia ten astenia, anorexia, anemia e un cancro que se chama Feijóo"

Pontevedra
04 de setembro 2018

O cantautor e médico xubilado Luís Emilio Batallán convocou unha rolda de prensa na sede do Colexio de Médicos de Pontevedra para agradecer o apoio recibido social e profesionalmente durante a súa folga de fame, que non retomará por prescrición facultativa

Luis Emilio Batallán
Luis Emilio Batallán / PontevedraViva

"Galicia ten astenia, anorexia, anemia e un cancro que se chama Feijóo". Así o dixo este martes o cantautor e médico xubilado Luís Emilio Batallán que convocou unha rolda de prensa na sede do Colexio de Médicos de Pontevedra para agradecer o apoio recibido social e profesionalmente durante a súa folga de fame, que non retomará por prescrición facultativa.

Engadiu de maneira irónica que "ademais parece ser que pola folga de fame os médicos xa temos a xubilación aos 70 anos".

Batallán asegurou que agora "a miña idea é seguir vivo para ver se algún día os galegos xubilan a Alberto Núñez Feijóo", unha circunstancia da que dixo "espero que o pobo galego tome nota e a ver se nas vindeiras eleccións temos a sorte de sacar a esta persoa que lle está facendo tanto dano a Galicia".

Nun ton moi crítico Batallán anunciou que, descartada outra folga de fame, a súa protesta seguirá pero "a nivel político" e dirixida contra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "o campión dos recortes".

No seu discurso o popular cantautor cargou contra a política "austericida" do goberno galego e saíu en defensa da sanidade pública para a que traballou como médico de cabeceira no centro de saúde de Moraña ata que tivo que xubilarse de maneira forzosa afectado polo decreto da Xunta de 2013 que obrigou a estes profesionais a xubilarse aos 65 anos.

"Foi un ERE encuberto" insistiu hoxe, mentres espera unha sentenza favorable ao recurso que presentou ante o Tribunal Supremo.

Batallán instou á oposición a que reclame no Parlamento un informe do Consello de Contas referido ás xubilacións dos facultativos "que cifra en 200 millóns de euros o custe de todas as demandas presentadas".

De novo Luís Emilio Batallán sinalou que Feijóo "non é un presidente digno de estar en Galicia" e animou que "se queda xente con algo de dignidade no Partido Popular que lle fagan unha moción de censura a este presidente e que o boten".