Begoña Estévez, exculpada da operación Patos, na que seguen investigados Louzán e Luisa Piñeiro

Pontevedra
21 de setembro 2019

O Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra acaba de ditar un auto polo que dá por concluída a instrución xudicial da peza separada da coñecida 'operación Patos'. A causa seguíase contra nove persoas, pero agora arquívase en relación coa ex deputada do PP 

Xulgados da Parda
Xulgados da Parda / Mónica Patxot

O Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra acaba de ditar un auto polo que dá por concluída a instrución xudicial da peza separada da coñecida 'operación Patos' que levaba investigando os últimos dous anos e medio. A causa seguíase contra nove persoas, pero, á hora de dar este importante paso no proceso xudicial, deixou fóra a Begoña Estévez, ex deputada e ex secretaria xeral do PP da provincia de Pontevedra.

En concreto, fontes xudiciais confirmaron a PontevedraViva que a xuíza instrutora ditou un auto de transformación en procedemento abreviado. Este trámite procesual, na práctica, significa dar por concluída a instrución das dilixencias previas, continuar o caso e dar por practicadas todas as dilixencias esenciais para aclarar os feitos investigados. 

A macrocausa da 'operación Patos', que investiga unha suposta trama de corrupción en distintas administracións, dividiuse en cinco pezas separadas, unha das cales recaeu no Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra no ano 2017

Esta peza separada investiga presuntas irregularidades na contratación de obras subvencionadas pola Deputación de Pontevedra no campo de fútbol de Moraña no ano 2013 e, finalizada a instrución, a xuíza acordou que se siga o procedemento contra os outros oito investigados, pero que se arquive en relación con Begoña Estévez Fernández.  

Desta forma, seguen investigados nesta causa o ex presidente da Deputación, Rafael Louzán, no cargo no momento dos feitos; a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro; o dono da empresa Eiriña e a súa man dereita, Enrique Alonso Pais e Jaime Alvariñas; o entón director de Infraestruturas da Deputación, Manuel Ángel González Juanatey; dous empresarios de Pontevedra e O Salnés; e o arquitecto que asinou o proxecto modificado da obra.

O auto de transformación en procedemento abreviado implica que tamén se dá traslado ao ministerio fiscal para que presente o seu escrito de acusación por estes feitos. A propia Fiscalía xa pedira á xuíza instrutora que se arquivase a causa en relación con Begoña Estévez porque, unha vez que lle tomaron declaración e achegou probas, concluíron que non tiña vinculación coas presuntas irregularidades investigadas. En relación coas outras oito persoas, xa se mostrou partidaria de seguir a acusación. 

A Fiscalía de Delitos Económicos de Pontevedra centra as súas sospeitas nun proxecto modificado das obras iniciais do campo de fútbol de Moraña realizado a pedimento da alcaldesa desta localidade. A Deputación volveu sacar a concurso ese modificado coas melloras e resultou adxudicado á mesma empresa, Eiriña, de modo que a hipótese que sosteñen os investigadores é que se amañó o concurso público convocado para atribuírllo á mesma empresa e pagar como un proxecto separado unha actuación que, en realidade, xa se realizou durante o primeiro proxecto.