Belas Artes estivo este xoves de celebración. Ademais do acto de gradación co que se despedía oficialmente o curso académico, o patio interior da facultade converteuse nun improvisado mercadiño, no que o alumnado puxo á venda libros, roupa ou mesmo obras de arte e que contou tamén cunha actuación das Carballeiras do Berbés.
Xa pola tarde, o vicerreitor do campus presidiu o acto de despedida a 83 alumnos e alumnas da sexta promoción do grao en Belas Artes, que tiveron como padriño académico ao profesor da facultade Fernando Suárez. Tres dos estudantes que se graduaron nesta xornada, Elena Bello, Belén Andrés e Pablo Loureiro, exerceron como presentadores do acto no que este grupo de estudantes celebrou o remate dunha etapa.
CONCURSO CO HOSPITAL DE VIGO
Ademais, con motivo deste 25 aniversario e en colaboración co novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a Facultade de Belas Artes puxo en marcha un concurso que busca propor a creación dunha obra para o hall deste complexo hospitalario. O certame prevé concluír a finais de xullo coa instalación dunha peza de ata seis metros de longo por máis de dous de alto.
A decana do centro, Silvia García, sinalou que esta iniciativa axuda a dar visibilidade aos talentos que se forxan nesta facultade “nun espazo aberto á cidadanía como é un hospital”. Terán de prazo ata o 23 de xuño para presentar a memoria e a fotomontaxe do seu proxecto, acompañada dun portfolio no que amosen obras anteriores.
As bases desta iniciativa estipulan que os proxectos non deben contar cun peso excesivo, xa que vai instalarse nunha parede, así como que deberán ser realizados con materiais que permitan que a obra poida ser sometida a limpeza e que non sufra un deterioro polo feito de atoparse nun espazo moi luminoso.
Este concurso prevé ter continuidade con outras dúas convocatorias dirixidas tamén a promover outra serie de intervencións artísticas neste complexo hospitalario. En concreto, será para a realización dunha instalación escultórica na zona axardinada do modulo de hospitalización e para unha iniciativa dirixida a achegar ás salas de espera ilustracións ou fotografías de estudantes e titulados.