A exalcaldesa de Forcarei e actual portavoz municipal do PP neste municipio, Belén Cachafeiro Anta, regresará á Corporación provincial para ocupar o posto que deixa na Deputación de Pontevedra o recentemente nomeado conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia José López Campos.
Era unha substitución previsible xa que Cachafeiro era a suplente designada polo Partido Popular da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, para o cargo que ocupaba na Deputación o ata o de agora alcalde da Estrada.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López aínda non aclarou se haberá algún cambio nas responsabilidades distribuídas no goberno provincial ou se Belén Cachafeiro asumirá a xestión que ata o de agora ostentaba López Campos centrada nas áreas de Cooperación Local e Emerxencias.
A portavoz municipal do PP en Forcarei foi xa deputada provincial no mandato que comezou en 2015, ademais foi deputada no Parlamento galego no 2021. Tamén foi alcaldesa do seu municipio, entre os anos 2012 e 2019.