Benestar Animal desenvolve obradoiros escolares para sensibilizar sobre a tenencia responsable de mascotas

Pontevedra
02 de marzo 2022

O concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, asistirá este venres ás 12:00 horas no CEIP A Xunqueira I a un Taller destinado a cincuenta escolares organizado polo seu departamento en colaboración coa Anpa Celso Emilio Ferreiro e impartido polo colectivo de educación ambiental Aecam

Tino Fernández e Marcos Rey visitan o refuxio de animais dos Palleiros
Tino Fernández e Marcos Rey visitan o refuxio de animais dos Palleiros / PontevedraViva - Arquivo

Este venres ás 12.00 horas o CEIP A Xunqueira I acollerá un Taller de tenencia Responsable de Animais, que organiza o departamento de Benestar Animal do Concello en colaboración coa Anpa Celso Emilio Ferreiro. O colectivo de educación ambiental Aecam será o encargado de trasladar a cincuenta escolares con idades comprendidas entre os 11 e os 12 anos mensaxes relacionadas coa responsabilidade que supón adoptar unha mascota.

Á cita acudirá Marcos Rey, concelleiro responsable da área de  Benestar Animal, para ver a sesión destinada a que a mocidade sexa consciente e poida atoparse sensibilizada sobre a importancia de ter un animal e as consecuencias lamentables que supón o abandono.

Marcos Rey indica que unha enorme cantidade de animais terminan converténdose nunha "molestia" cando forman parte dunha compra como "capricho". Neste sentido explica que é necesario informar aos estudantes de que os coellos se fan grandes e poden morder materiais das vivendas, que é necesario sacar a pasear aos cans e educalos; que os gatos se escapan ou que os papagaios poden resultar molestos cando non deixan de facer sons, ademais de que tamén enferman e ensucian. Rey alerta de que moitas veces estas situacións tan habituais provocan que os propietarios abandonen aos animais.

Por este motivo, desde Benestar Animal busca con estes talleres contar a realidade, resolver dúbidas, concienciar sobre as consecuencias que conleva ter unha mascota e coñecer tamén os intereses dos estudantes como parte clave na educación ambiental.